O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recibiu este xoves aos asistentes á visita guiada organizada con motivo da Semana da Administración Aberta 2025.
Esta iniciativa busca, segundo destacou Santos, “achegar o traballo da Administración á cidadanía” e fomentar a transparencia institucional.
A Subdelegación do Goberno en Ourense abre as súas portas á cidadanía
A xornada contou coa participación de representantes de entidades sociais e veciñais da cidade de Ourense, que puideron coñecer de preto o funcionamento interno da Subdelegación do Goberno. “Esta semana serve para mostrar como traballamos desde a Subdelegación para garantir a coordinación e o desenvolvemento das políticas do Goberno na provincia de Ourense, sempre ao servizo da cidadanía”, indicou Santos.
Durante a visita, os asistentes estiveron acompañados polo secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, e percorreron distintas dependencias do edificio. Na planta baixa, coñeceron o funcionamento da Oficina de Estranxeiría, o Rexistro, o departamento de Sancións e o de Persoal. Na terceira planta, visitaron unidades como a de Violencia sobre a Muller, Protección Civil, Administración Territorial, Informática e Autorizacións. A ruta concluíu na primeira planta, onde se atopan a Avogacía do Estado, a Secretaría Xeral, o despacho do subdelegado e o Salón do Trono.

Ao longo da visita, os xefes das distintas áreas explicaron detalladamente o traballo que realizan a diario os empregados e empregadas públicas. A xornada finalizou cunha sesión informativa na sala de formación. A primeira charla, impartida pola xefa da Oficina de Estranxeiría, Josefina Rodríguez, abordou as novidades do novo Regulamento de Estranxeiría, que entrou en vigor onte. Na segunda, o xefe provincial de Telecomunicacións, Enrique San Martín, centrouse no programa UNICO Demanda Rural, que promove a extensión da banda ancha por satélite.
A Semana da Administración Aberta é unha iniciativa internacional promovida pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week). Reforzar os lazos entre as administracións públicas e a cidadanía a través de actividades abertas e participativas é o obxectivo desta iniciativa.