O conxunto sénior absoluto do Club Ximnasia Pavillón gaña o Campionato Galego de Conxuntos que se celebrou na cidade de Vigo.
Tres conxuntos do Club Ximnasia Pavillón competiron con éxito no Pavillón Polideportivo das Travesas este domingo, 10 de novembro.
O sénior absoluto gaña o Campionato Galego 2024
Un Campionato Galego e dúas medallas de bronce foi o excelente resultado logrado polos conxuntos ourensáns.
O conxunto infantil integrado por Claudia, Carla, Olga, Bianca e Lara foi o primeiro en competir. Cunha actuación que foi de menos a máis, o conxunto infantil lograría un valioso terceiro posto.
Tamén foi de menos a máis a participación nesta competición do conxunto junior. Martina, Daniela, Sheila, Xisela, Maya e Grerrel mostraron un gran nivel que lles permitiu lograr o terceiro posto neste Campionato Galego.
O mellor resultado para o Club Ximnasia Pavillón foi o logrado polo conxunto sénior. Este conxunto, formado por Candela, Mariña, Laura, Claudia e Noa, realizou un exercicio con tres cintas e dous aros que lle permitiu imporse na súa categoría e lograr proclamarse Campionas Galegas 2024.
Os tres conxuntos do Ximnasia Pavillón preparan xa as súas próximas citas deportivas baixo a dirección das súas adestradoras Natalia Gómez, Alba Estévez e Yaiza Rodríguez. O 24 de novembro participarán en citas de nivel Nacional en Zaragoza e Pamplona.