O persoal da Subdelegación do Goberno en Ourense garda un minuto de silencio en memoria da última vítima da violencia machista.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu o minuto de silencio en sinal de condena polo crime de violencia de xénero recentemente confirmado polo Ministerio de Igualdade. Este asasinato tivo lugar en abril de 2020 nas Palmas de Gran Canaria.
A Subdelegación garda un minuto de silencio en memoria da última vítima da violencia machista
Durante o acto, Santos condenou «este crime atroz» e reafirmou o compromiso do Goberno de España na loita contra a violencia machista. Asegurou Santos que «mostrará o seu apoio ás vítimas as veces que fagan falla, ata que se consiga rematar con esta lacra».
Con esta nova confirmación, o número de mulleres asasinadas en España por violencia machista no ano 2020 ascendeu a 52. Esta cifra é de 1.296 dende 2003, ano en que se comezaron a recompilar datos oficiais.

Ao acto de homenaxe acudiron funcionarios da Subdelegación do Goberno, traballadores doutros organismos da Administración Xeral do Estado e representantes das Forzas e Corpos de Seguridade. O minuto de silencio serviu para recordar á vítima e para reivindicar a necesidade de continuar loitando contra a violencia de xénero.