Noticias

A Subdelegación do Goberno en Ourense conmemora o 8M

A Subdelegación do Goberno en Ourense celebrou esta mañá un acto institucional para conmemorar o Día Internacional da Muller, presidido polo subdelegado Eladio Santos.

O evento, que tivo lugar na sede da Subdelegación, reuniu a representantes do Concello de Ourense, membros da Garda Civil, Policía Nacional, organismos da Administración Xeral do Estado e funcionarios públicos.

A Subdelegación do Goberno en Ourense conmemora o 8M

A xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, Alida Iglesias, foi a encargada de conducir o acto.

Durante a cerimonia, procedeuse á lectura dun manifesto que abordou os principais desafíos que afectan á saúde mental das mulleres. Persoal da Subdelegación verbalizaron testemuños sobre hábitos e experiencias que condicionan esta problemática. Destacaron tres factores fundamentais: os biolóxicos e hormonais, a carga mental derivada da dobre xornada e a violencia e discriminación de xénero.

No seu discurso, Eladio Santos subliñou a importancia de seguir avanzando na loita pola igualdade, dirixíndose a quen cuestiona a celebración do 8M. “Cuestionar o Día da Muller é cuestionar a loita pola igualdade, desde unha posición machista. E queremos que a nosa sociedade sexa territorio hostil para o machismo”, afirmou.

A Subdelegación do Goberno en Ourense conmemora o 8M
Foto: Subdelegación do Goberno

O subdelegado tamén destacou o compromiso do Goberno central para consolidar España como un país feminista, poñendo en valor as actuais políticas públicas en materia de igualdade. “A seguridade das mulleres e o dereito a unha vida libre de violencias son condicións sine qua non para que poidan desenvolver os seus proxectos vitais e exercer plenamente a súa cidadanía”, explicou Santos.

Ademais, fixo un chamamento á unidade para combater “a onda reaccionaria da ultradereita negacionista da igualdade”. Santos asegurou que o Estado continuará defendendo os avances conseguidos en lexislación feminista. “Tendemos a man a todos os colectivos feministas, ás demais institucións e a toda a sociedade para acadalo”, concluíu.

O acto pechouse cunha emotiva intervención musical da Coral de Ruada, que puxo fin á xornada reivindicativa cunha mensaxe de forza e unidade na loita pola igualdade de xénero.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.