O concello de Toén terá neste 2024 o orzamento máis alto da súa historia cunha cuantía que supera os dous millóns de euros.
O pleno do Concello de Toén aprobou un orzamento de 2.208.202,20€ para o exercicio 2024 na súa última sesión.
Toén terá o orzamento máis alto da súa historia
Ricardo González-Vallejo, alcalde de Toén, indicou que este orzamento «permite incrementar o capítulo de investimentos reais ata os 444.000€. Investimentos que nos permitirán mellorar as infraestruturas e servizos municipais, e polo tanto, continuar mellorando a calidade de vida dos veciños».
As inversións previstas permitirán realizar actuacións en mellora de firmes, ampliación de beirarrúas ou a mellora das instalacións das piscinas municipais.
«Actualmente temos en obra as dúas piscinas para dotalas de novo gresite, e con esta inversión de 28.500€ na zona de solarium teremos unhas das mellores instalacións de verán da contorna de Ourense» destaca o rexedor de Toén.
Ricardo González-Vallejo anuncia que «a inversión real será aínda maior maior grazas ás subvencións e convenios que acordemos con outras administración». Un exemplo destas achegas é a subvención de 263.300 euros que a Deputación de Ourense aportará para a primeira fase do novo campo municipal de fútbol.