Preto de sesenta empregadas e empregados públicos participaron nas visitas guiadas á Biblioteca Pública Nós de Ourense, organizadas pola Subdelegación do Goberno con motivo da Semana da Administración Aberta 2025.
A actividade permitiu coñecer de primeira man tanto as instalacións como os servizos deste espazo cultural de referencia.
Sesenta persoas descubriron a Biblioteca Nós na Semana da Administración Aberta
Debido ao elevado número de persoas inscritas, a organización decidiu repartir as visitas en catro quendas: dúas tiveron lugar o luns, ás 10:00 e ás 12:00 horas, e outras dúas desenvolvéronse hoxe no mesmo horario. Iria Miguélez foi a encargada de guiar os percorridos, ofrecendo explicacións detalladas sobre os distintos espazos e recursos que ofrece a biblioteca estatal.

Ademais, a Subdelegación do Goberno prepara unha nova actividade dentro desta semana de portas abertas: unha visita guiada ás súas propias instalacións, situadas na Rúa Parque de San Lázaro, 1. Esta terá lugar mañá, mércores 21 de maio, ás 12:00 horas, e está dirixida a entidades sociais e veciñais que desexen coñecer o funcionamento da institución.