O Club Ximnasia Pavillón de Ourense asinou unha destacada actuación no Pavillón das Travesas de Vigo, onde o domingo 18 de maio se disputaron o Campionato Galego Individual Feminino e Masculino e o Campionato Galego por Equipos Xunta de Galicia – Control Copa España Conxuntos 2ª Fase.
A entidade ourensá acadou cinco medallas e logrou a clasificación para varias citas nacionais, tanto a nivel individual como por equipos.
Cinco medallas e oito clasificacións nacionais para o Club Ximnasia Pavillón
No Campionato Individual Masculino, os ximnastas Eduardo Montero Rodríguez e José Vázquez Gómez representaron ao club con excelentes resultados. Montero, en categoría sénior, foi 4º en aro, 6º en corda e mazas, e 4º na clasificación xeral, gañándose o pase ao Campionato de España. Pola súa parte, Vázquez, en categoría júnior, proclamouse campión en aro e subcampión en mazas e pelota, rematando 2º na xeral e asegurando tamén o billete a nivel estatal. Ambos competirán en Guadalaxara entre o 18 e o 22 de xuño.

Na competición feminina por equipos, o club presentou catro escuadras: dous equipos sénior e dous infantís. Os equipos sénior quedaron en 5ª e 6ª posición e non lograron a clasificación. Pola contra, os equipos infantís foron 3º e 4º, acadando así o acceso á cita nacional. A nivel individual, Claudia Lorenzo Rodríguez foi prata en pelota e bronce en corda, mentres que Lara Martínez Sampedro conseguiu o bronce en cinta.

Na proba de Control para a Copa de España de Conxuntos, os resultados tamén foron moi positivos. O conxunto sénior M (Candela, Claudia, Mariña, Noa e Laura) acadou a mellor nota da súa categoría, mentres que o conxunto sénior P (Martina, Daniela, Sheila, Xisela, Gretel e Maya) foi terceiro. O conxunto infantil (Claudia, Carla, Lara, Olga e Bianca) rematou 2º. Estes resultados permiten que o conxunto sénior M e o infantil sexan parte da representación galega na Copa de España absoluta, que se celebrará en Santander o 29 de xuño, ao clasificarse só os dous mellores conxuntos de cada categoría.