O Club Ximnasia Pavillón Ourense pechou a primeira metade da tempada nacional de ximnasia rítmica cun destacado resultado na II Fase da Copa de España de Conxuntos Absolutos, disputada en Castellón.
Foi o conxunto sénior mixto da entidade ourensá quen acadou unha meritoria quinta posición tras competir cos mellores equipos do panorama estatal.
O sénior mixto do Ximnasia Pavillón, quinto na Copa de España
A formación integrada por Edu, Sheila, Xisela, Daniela, Martina e Maya completou un exercicio de gran nivel que lle permitiu situarse entre os cinco mellores da súa categoría. O resultado supón un recoñecemento ao intenso traballo desenvolvido durante os últimos meses e consolida ao club nos postos de referencia da ximnasia rítmica española.

O equipo xa centra a súa preparación nos próximos compromisos da tempada. A intención é seguir perfeccionando un exercicio que aínda conta con marxe de mellora. O balance desta primeira parte do curso competitivo é moi positivo para a entidade ourensá.

O club afrontará agora o tramo final de 2026 coa vista posta nos seus tres conxuntos incluídos no programa de tecnificación galego: o sénior mixto, o sénior feminino e o conxunto júnior.
Antes do regreso á competición de rítmica, o protagonismo será para a sección de ximnasia estética de grupo. O Escola Ximnasia Pavillón participará os días 11 e 12 de xullo no Campionato de España que se celebrará en Huesca. Alí, o seu equipo sénior mixto tentará revalidar o título nacional conquistado en Granada (2024) e Ourense (2025).

