A presentación do cartel da Feira do Viño do Ribeiro tivo lugar esta mañá no concello de Ribadavia coa presenza das entidades organizadoras.
Noelia Rodríguez Travieso, alcaldesa de Ribadavia, Paula Rodríguez, tenente de alcalde, e Brais Fidalgo, portavoz municipal, fixeron de anfitrións para a presentación da imaxe da 59ª edición da Feira do Viño do Ribeiro.
Presentación do cartel da Feira do Viño do Ribeiro
A representación municipal estivo acompañada por Juan M. Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro e as dúas autoras do cartel. Ainhoa Viñuela e Blanca Selas, de A&B comunicación, foron as creadoras do cartel de 2022.
Con formación en Publicidade, Comunicación Audiovisual, Imaxe e Relacións Públicas, a equipa que fan Ainhoa e Blanca ten unha dilatada experiencia. En Ribadavia, os seus traballos están presentes en numerosos festivais e actos culturais entre os que destaca a MIT de Ribadavia.
O cartel «é unha proposta moi colorista e vitalista na que a través da técnica do caleidoscopio descompoñemos uvas, vides, follas e mesmo o patrimonio». Esta mestura de elementos «fan que O Ribeiro sexa unha comarca única, centrándonos na importancia e protagonismo dos seus viños».
Esta edición volverá a un formato similar ó existente antes da pandemia onde as actividades presenciais recuperarán o seu protagonismo. Desde o 29 de abril ó 1 de maio de 2022, a Alameda de Ribadavia volverá a ser un punto de encontro ó redor do viño do Ribeiro.
Un comentario