A Feira do Viño do Ribeiro terá formato presencial na edición de 2022. Nesta ocasión, a feira chega á súa 59ª edición con folgos renovados.
A Alameda de Ribadavia será un ano máis o lugar escollido para levar a cabo a Feira do Viño do Ribeiro. Este evento segue dando impulso á denominación de orixe do Ribeiro para por en valor os excelentes viños da zona.
A Feira do Viño do Ribeiro terá formato presencial en 2022
Tras unha reunión entre Noelia Rodríguez, alcaldesa de Ribadavia, e representantes das Adegas e colleiteiros, quedaron establecidas as bases desta edición. O formato volverá ser totalmente presencial tralas dificultades dos dous últimos anos.
As datas tamén quedaron fixadas:
- prazo de inscrición ata o xoves, 10 de marzo.
- 59ª Feira do Viño do Ribeiro os días 29 e 30 de abril e 1 de maio.
A previsión da organización é positiva ó prever unha alta participación nun dos eventos máis destacados do espazo vitivinícola en Galicia. O cartel do evento será elixido mediante un concurso previsto para as próximas semanas.