O PSOE de Ourense rexeita o uso de dromedarios e renos nos eventos programados polo concello durante a época de Nadal.
No pleno municipal deste venres debaterase unha moción do grupo socialista para solicitar o cese dunha práctica «arcaica, cruel e innecesaria» como é o uso de animais en espectáculos públicos.
O PSOE rexeita o uso de dromedarios e renos nos eventos de Nadal
Borja Trigás, concelleiro socialista, promove esta iniciativa para que Ourense deixe de ser «a única cidade galega que en pleno século XXI aínda fomenta a participación de animais vivos en actividades festivas por mero entretemento».
O uso de renos durante a visita de Papá Noel e de dromedarios durante a cabalgata de Reis por parte do goberno municipal motiva a protesta socialista. Desde a agrupación socialista reclaman o uso de «alternativas éticas de ocio que representan á perfección o espírito festivo colectivo sen incorrer en prácticas moral, científica e legalmente cuestionables».