Novas críticas á xestión cultural do alcalde de Ourense por parte do PSdeG-PSOE tralo gasto «desmesurado e inxustificable» no concerto de Omar Montes.
Natalia González, voceira do grupo municipal socialista, denunciou a «perversa manipulación» que realiza Gonzalo Jácome coas cifras que ofreceu o concerto de Omar Montes o pasado venres, 16 de decembro.
Novas críticas á xestión cultural do alcalde
«O único dato real é que o concerto organizado polo rexedor vendeu só a metade das entradas que permitía o aforo, unhas 1.500 en troques das 3.000 que estaban dispoñibles», indicou Natalia González. Ante esta situación, a voceira socialista indica que «todo o demais son delirios do alcalde, que teima obsesivamente en defender un gasto claramente desmesurado e inxustificable».
Para por en contexto o gasto realizado polo concello, Natalia González indica que coa cantidade que custou o concerto poderían manterse a UPO, a MOTI e maila MITEU. «O alcalde que suprimiu destacadas citas culturais desta cidade por que non tiñan público, agora xustifica o gasto desorbitado nun concerto do que se tiveron que regalar 500 entradas”.
Recordan tamén que o concello ten pendente aprobar unha modificación de crédito de 86.000 euros para once entidades sociais que quedaron fora das axudas do ano 2022 mentres gasta «inxentes cantidades de diñeiro público en cachés inflados e paparotas co seu equipo».