A Eurodiputada Ana Miranda visitou a zona histórica de Ourense acompañada por Luis Seara, candidato do BNG á alcaldía de Ourense.
Esta visita da continuidade á visita realizada a Bruselas no mes de marzo por membros do BNG para coñecer posibles investimentos para esta zona.
Ana Miranda visitou a zona histórica de Ourense
Na actualidade, a zona histórica de Ourense ten unhas 1.500 vivendas baleiras e segue a sufrir un paulatino descenso de poboación.
«Ourense ten un enorme potencial para converterse nunha das cidades de vangarda a nivel europeo no tocante á rehabilitación, mobilidade, turismo e mesmo como cidade verde e sustentábel», indicou Ana Miranda. A súa experiencia como Eurodiputada permítelle comparar os proxectos de diferentes cidades. «A tendencia xeral nas cidades europeas de similares características a Ourense é a de apostar claramente pola rehabilitación das zonas históricas e pola súa posta en valor a través da revitalización e ocupación das vivendas, algo que contribúe a xerar dinamismo económico».
Segundo a opinión de Ana Miranda, «Luís Seara e o seu equipo é o que Ourense precisa para saír desta situación de agonía, de apatía e de degradación na que se atopa a cidade. No BNG de Ourense hai ganas, ilusión, equipo e proxecto e todo iso é o que Ourense precisa».
Luis Seara, candidato nacionalista á alcaldía de Ourense indicou que «o que fai falta son proxecto serios e rigorosos» para optar a «financiamento para o desenvolvemento de proxectos transformadores en materia de rehabilitación, mobilidade e sostibilidade».