O Goberno municipal de Barbadás pide un instituto para os mozos e mozas do concello coincidindo co inicio do curso escolar.
No acto reivindicativo realizado xunto ó solar cedido á Xunta de Galicia para a construción deste centro educativo, os membros do goberno municipal reiteraron a súa petición.
O Goberno de Barbadás pide un instituto
Lembraron que este concello é o único de toda Galicia que superando os 10.000 habitantes non ten un centro de ensinanza secundaria. Tamén lembraron que fai 15 anos da firma do protocolo para o inicio das obras do futuro IES de Barbadás.
«No lugar no que debería haber un instituto non temos nada, salvo o recordo do engano masivo que supuxo aquela sinatura do que había que chamar protobulo, pois aquel mesmo día anunciáronse 12 unidades de ESO, 2 de Bacharelato, unha inversión de 4.691.350 euros e o inicio das obras para po primeiro semestre de 2010», sinalou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.
Actualmente, os mozos e mozas de Barbadás acoden principalmente ó IES Ferro Couselo. Para este desprazamento, o concello colabora economicamente no transporte deste alumnado que percorre entre 7 e 10 quilómetros dende o seu domicilio ó centro de ensinanza.
«Sufrimos unha inxusta e inexplicable discriminación educativa por parte do actual e anteriores gobernos galegos porque tamén somos o único concello de Galicia con máis de 10.000 habitantes (11.171) que carece dun instituto» destacou o alcalde ó mesmo tempo que sinalaba a falta de resposta do presidente da Xunta ante as catro peticións realizadas para manter unha reunión.
A concelleira de Educación, Marga Pérez, sinalou que «hoxe non estaríamos aquí se a Xunta de Galicia se preocupase realmente pola educación».