O PSdeG-PSOE provincial desautoriza a moción de censura que foi presentada no concello do Irixo o pasado 26 de decembro.
Esta moción, apoiada polos concelleiros do PP e o PSOE quitaría da alcaldía a Susana Iglesias do partido Xuntos polo Irixo.
O PSOE provincial desautoriza a moción de censura no Irixo
A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE desvincúlase deste proceso que supón a segunda moción de censura deste mandato no concello do Irixo. Foi o PSOE quen apoiou a finais de 2023 unha moción de censura para quitar da alcaldía a Manuel Pereira do PP e entregarlla a Susana Iglesias con quen gobernaron en coalición.
As malas relacións dentro do grupo de goberno provocaron a saída dos concelleiros socialistas do goberno municipal no verán de 2024. Gobernando en minoría, a alcaldesa Susana Iglesias recibiu críticas do resto de grupos polo seu comportamento e xestión.
Ó ser coñecedores desta moción de censura, desde a Comisión Executiva Provincial manifestaron as seguintes conclusións:
- Desautorización absoluta: a presentación da devandita moción de censura no Concello do Irixo para o seu posterior debate e votación queda absolutamente desautorizada polos órganos superiores do PSdeG-PSOE.
- Advertencia disciplinaria: amais de non avalar este acto, advertimos ás concelleiras do grupo socialista do Irixo que, de non atenderen esta desautorización, de inmediato se emprenderán as accións disciplinarias e regulamentarias pertinentes contra quen incumpra esta indicación dentro do grupo municipal socialista ou da Agrupación Municipal do Concello do Irixo.