Eventos

A Banda de Gaitas do Irixo celebra 50 anos

A Banda de Gaitas do Irixo celebra medio século de traxectoria cun gran festival o sábado 2 de maio no Auditorio Manuel María do Carballiño.

O concerto, que comezará ás 19:00 h, converterase no acto central dunha conmemoración que recoñece cinco décadas de traballo continuado en defensa da cultura tradicional galega.

A Banda de Gaitas do Irixo celebra 50 anos

A agrupación, hoxe consolidada como referente comarcal, ten as súas orixes en 1976, nun contexto marcado pola emigración e a necesidade de preservar a identidade cultural.

A Banda de Gaitas do Irixo celebra 50 anos

O seu nacemento estivo ligado á Sociedade Cultural e Deportiva “O Testeiro”, creada en 1973, e á celebración da histórica “Homenaxe ó Emigrante Galego” na Feira do Quince do Tellado. A partir dese impulso xurdiu o Grupo Folclórico de O Irixo, dirixido por María do Carme Villaverde García, que chegou a reunir máis de 90 alumnos e alumnas nas súas primeiras etapas.

Durante os anos 90, a banda viviu unha das súas épocas máis destacadas, levando o nome do Irixo a escenarios internacionais en países como Arxentina, Francia e Suíza. Ademais, acadou éxitos en competición, como o segundo posto na segunda división da Liga Galega de Bandas de Gaitas.

Publicaciones relacionadas

O ano 2017 marcou o rexurdimento da formación, cando os últimos cinco compoñentes asumiron o reto de reactivar a actividade. Dende entón, a escola experimentou un notable crecemento, superando na actualidade os 60 integrantes e consolidándose como un dos principais motores culturais da comarca. O proxecto está coordinado por un equipo docente especializado en gaita, percusión e baile tradicional.

O festival do 2 de maio será tamén unha oportunidade para o reencontro interxeracional. Xunto á Banda de Gaitas do Irixo, participarán figuras e grupos convidados como o gaiteiro Isidro Vidal, os grupos de baile da Coral de Ruada, Os Biruxes e o Coro Enharmonía. O evento servirá non só para exhibir o nivel artístico da formación, senón tamén para render homenaxe a todas as persoas que contribuíron á súa historia ao longo destes 50 anos.

Botón volver arriba