Noticias

A Xunta destina 3.250 euros á conservación do Gran Castiñeiro de Surribas

O Gran Castiñeiro de Surribas, situado no concello do Irixo, recibiu unha achega de 3.250 euros da Xunta de Galicia para garantir a súa conservación e posta en valor.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o exemplar acompañado da alcaldesa do municipio, Rosa María Dalama, e de representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Coto de Surribas.

A Xunta destina 3.250 euros á conservación do Gran Castiñeiro de Surribas

A subvención foi concedida ao abeiro da convocatoria de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático correspondente ao ano 2025, destinada a financiar intervencións que permitan preservar as árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras.

A Xunta destina 3.250 euros á conservación do Gran Castiñeiro de Surribas
Foto: Delegación da Xunta

Durante a visita, Manuel Pardo destacou que este tipo de apoios teñen como finalidade facilitar a execución de actuacións de conservación, protección e mellora que garantan a supervivencia destes elementos naturais a longo prazo. O representante do Goberno galego sinalou que “só a través do coñecemento e da protección do rico patrimonio natural de Galicia se poden difundir os seus valores e xerar unha conciencia colectiva sobre a súa preservación”.

O delegado territorial lembrou tamén que as árbores e formacións catalogadas destacan pola súa singularidade e por presentar características excepcionais desde os puntos de vista histórico, cultural, paisaxístico, estético ou científico. Na actualidade, a provincia de Ourense conta con 29 elementos incluídos no catálogo, dos que 23 son exemplares individuais e 6 formacións arbóreas.

As axudas autonómicas, dirixidas tanto a concellos e agrupacións locais como a particulares e entidades propietarias destes elementos, poden cubrir ata o 100 % dos custos das actuacións. Entre os traballos subvencionables figuran as podas, os labores de formación e control da copa, os tratamentos fitosanitarios, as accións de conservación e mellora da contorna, as iniciativas de divulgación e sinalización, así como a realización de estudos específicos que contribúan ao coñecemento e valorización destes exemplares.

Botón volver arriba