O Pavillón “O Pompeo”, situado no IES Otero Pedrayo da Rúa do Vilar (Ourense), acollerá este verán unha nova edición do Campus de Bádminton Athlos.
Este campus está dirixido á rapazada de entre 6 e 18 anos, con ou sen experiencia previa neste deporte.
Campus de Bádminton Athlos en Ourense para nenos e mozos
O campus desenvolverase en dúas quendas opcionais, do 23 ao 27 de xuño e do 30 de xuño ao 4 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Como é habitual, os venres a recollida farase na Piscina de Oira, agás comunicación expresa doutro emprazamento.
A actividade está deseñada para fomentar o deporte, a convivencia e os hábitos saudables, ofrecendo unha oportunidade única para iniciarse ou mellorar no bádminton con monitores titulados.

O prezo da inscrición inclúe o material necesario, volantes, atención profesional e seguros de responsabilidade civil e accidentes.
A iniciativa, promovida polo Club Athlos, busca reforzar o vínculo entre a mocidade e o deporte, garantindo unha alternativa de lecer educativo e dinámico durante as vacacións escolares.