O Concello de Ourense organiza as Festas da Ponte 2025 cunha programación diversa que encherá de vida o barrio durante tres días consecutivos, desde o xoves 24 até o sábado 26 de xullo, con actividades para todos os públicos.
Haberá música en directo, sesións DJ, verbena, procesións e fogos artificiais, ademais de atraccións de feira dispoñibles toda a fin de semana.
Ourense prepárase para as Festas da Ponte 2025
O xoves 24 de xullo, a festa dará comezo coa lectura do pregón, que correrá a cargo de Frei Canedo ás 22.45 horas na Avenida de Santiago. A continuación, celebrarase unha verbena dedicada ao pop-rock do século XX. Esta verbena será da man do grupo de versións galego América, entre as 23.00 e as 02.00 horas.

Paralelamente, na rúa Vicente Risco, Gramola amenizará a noite cunha sesión DJ que se prolongará desde as 23.30 até as 03.00 horas.
O venres 25 de xullo, Día de Santiago Apóstolo, arrancará coa tradicional procesión ás 12.00 horas desde a Avenida das Caldas. Pola noite, a orquestra Funçao Publika ofrecerá dúas actuacións na Avenida de Santiago: unha primeira sesión de 22.45 a 23.45 horas e unha segunda de 00.30 a 02.30. O momento máis esperado da xornada será o espectáculo de fogos artificiais, que terá lugar na Ponte Romana ás 23.59 horas.
O sábado 26 de xullo, a verbena correrá a cargo da orquestra Tango. Esta actuará desde as 23.00 até as 02.00 horas na Avenida de Santiago, poñendo o broche de ouro á programación musical.
Durante os catro días, desde o xoves até o domingo, o barrio da Ponte contará tamén con atraccións de feira. Converterase nun punto de encontro para veciños e visitantes que queiran gozar do ambiente festivo.
Un comentario