Avante Ourense considera que a expulsión do portavoz do BNG, Luís Seara, do Pleno municipal supón un novo episodio da confrontación política no Concello de Ourense, nun contexto que a formación sitúa xa no inicio da precampaña das eleccións municipais de 2027.
O portavoz de Avante Ourense, Francisco Diéguez, cualificou o acontecido como un novo «número» do que denomina «Circo Municipal».
Avante Ourense acusa á precampaña de converter o Pleno nun «Circo Municipal»
«Pensabamos que, despois do vivido nos últimos anos no Concello de Ourense, era difícil superar o espectáculo, pero estabamos equivocados», afirmou.

A formación sostén que nos últimos anos o Concello estivo marcado polos enfrontamentos, as polémicas e a falta de acordos, e advirte de que a proximidade das eleccións pode incrementar a tensión nos plenos.
Avante Ourense reclama que os próximos meses estean centrados en proxectos, propostas e solucións para a cidade, e non nunha competición por protagonizar «o seguinte número do espectáculo». Para a formación, o Pleno debe recuperar a súa función como espazo de debate sobre os problemas municipais e non converterse nun «escenario dunha campaña electoral permanente».
Diéguez lembra que aínda quedan oito meses para as eleccións municipais e pide aos grupos políticos que continúen centrados na xestión municipal e no labor de oposición. «Ourense non necesita máis circo. Necesita solucións», conclúe.

