Noticias

A San Martiño bate o seu récord con 11.057 inscritos

A Carreira do San Martiño celebra este domingo a súa 49ª edición con récord de participación, un novo percorrido e un cartel de atletas de primeiro nivel.

Esta proba reunirá en Ourense 11.057 deportistas, consolidándose como a carreira popular máis multitudinaria de Galicia.

A San Martiño bate o seu récord con 11.057 inscritos

A competición contará con figuras destacadas do atletismo nacional e internacional, entre elas Abdessamad Oukhelfen, dobre campión de Europa de cross; Pablo Sánchez, campión de España de 5 quilómetros; David de la Fuente, campión galego; e as atletas Kiros Muaz, campioa de Etiopía de 10.000 metros, Hana Mekonin e Ester Navarrete, gañadora da edición de 2025 e deportista olímpica e mundialista.

A San Martiño bate o seu récord con 11.057 inscritos
Foto: Concello de Ourense.

A presentación da carreira celebrouse no Concello de Ourense, coa participación do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Este destacou o incremento das inscricións e dos premios, así como a presenza de atletas de elite. A proba combinará, unha vez máis, o atletismo popular e a competición de alto nivel.

Dos 11.057 inscritos, 4.063 participarán na categoría absoluta, 2.926 nas categorías Sub18, Sub16 e Sub14, 2.073 nas Sub12 e Sub10 e outros 1.995 na modalidade inclusiva.

Horarios da San Martiño 2026

Todas as probas terán a saída na Ponte do Milenio. A carreira absoluta comezará ás 11:00 h, seguida da competición escolar (Sub18, Sub16 e Sub14), ás 12:10 h. A carreira infantil (Sub12 e Sub10) arrancará ás 13:10 h e a inclusiva, ás 13:20 h.

Na edición deste ano estréase un circuíto máis rápido. A carreira absoluta atravesará diferentes rúas do centro da cidade, desde a avenida de Marín e a Ponte Nova ata Curros Enríquez, o Paseo, a Praza Maior, Progreso e a Praza de Concepción Arenal, onde estará situada a meta.

A organización agarda que as condicións meteorolóxicas acompañen e que o nivel dos participantes permita optar a superar os récords da proba.

Botón volver arriba