En apenas unha semana de agosto, o Casco Histórico de Ourense rexistrou varios incendios en solares abandonados, unha situación que, segundo denuncia o BNG, leva anos repetíndose sen que se adopten medidas efectivas.
O último episodio tivo lugar onte na rúa Hernán Cortés, onde un solar cuberto de maleza e en estado de abandono prendeu lume. A rápida intervención dos bombeiros evitou consecuencias maiores.
O BNG alerta tras outro incendio nun solar do Casco Vello
O Grupo Municipal do BNG leva tempo alertando sobre o risco que supoñen estes espazos sen mantemento e urxe ao Concello a localizar as persoas propietarias para que cumpran coa súa responsabilidade. “Estamos condenadas a ver como esmorece a nosa cidade sen poder articular unha proposta de revitalización destes espazos?”, preguntan desde a fronte nacionalista.

O portavoz do BNG, Luís Seara, volveu poñer sobre a mesa a proposta do seu grupo: o proxecto “Solares Vivos”, unha iniciativa que apostaría pola reutilización temporal destes espazos en desuso. O plan, de carácter multidimensional, incluiría a colaboración da veciñanza, asociacións, administracións e empresas para transformar os solares en lugares de encontro e socialización. “Queremos converter estes ocos da cidade nunha sala de estar do barrio”, explicou Seara.
Desde o BNG insisten en que “hai solucións reais” para evitar que o Casco Vello continúe deteriorándose, pero recalcan que é necesario ter “vontade política para apostar por unha transformación real”.