Logo de varios días con temperaturas por riba dos límites saudables e sen previsión de que baixen nos vindeiros días, o grupo municipal socialista de Ourense reclama medidas urxentes ao Concello para combater os efectos da vaga de calor.
A voceira do PSdeG, Natalia González, denuncia a inacción do alcalde Gonzalo Pérez Jácome e lembra que “nos últimos seis anos non elaborou nin presentou ningún plan para combater a calor, limitándose a compartir imaxes de termómetros por riba dos 40 graos”.
O PSdeG urxe un plan municipal contra a calor en Ourense
O grupo socialista do Concello de Ourense volve esixir ao goberno local un plan municipal contra a calor ante as altas temperaturas que afectan gravemente á saúde da poboación máis vulnerable.

Desde o PSdeG alertan de que Galicia está a rexistrar a maior parte das mortes por calor de toda España durante o mes de agosto, e que a situación é especialmente preocupante en Ourense debido ao seu elevado índice de avellentamento. “Non podemos permitir que un fenómeno climático xa habitual na cidade continúe sen resposta institucional”, advirten.
A semana pasada, a Xunta de Galicia activou a alerta vermella por altas temperaturas e suspendeu toda a actividade deportiva ao aire libre no municipio durante dous días. Sen embargo, os socialistas critican que o goberno local segue sen adoptar medidas efectivas. “Ano tras ano anúncianse árbores e piscinas que nunca chegan, mentres Ourense podería acadar os 43 graos este domingo”, lamenta González.
A formación lembra que ten presentado propostas como a activación dun plan específico de atención a persoas sen teito a través de Protección Civil e Servizos Sociais, incluíndo a distribución de auga, froita ou refrixerios en rúas e parques. Porén, ningunha das iniciativas foi asumida polo executivo local.
Os socialistas reclaman que se elabore un plan específico para este verán, con actuacións inmediatas, pero tamén unha folla de ruta a medio e longo prazo, que teña en conta a vulnerabilidade da poboación ourensá ante o cambio climático. Ademais, piden que se preste atención especial aos traballadores e traballadoras que desempeñan as súas tarefas ao aire libre nas horas centrais do día, por seren especialmente sensibles ao estrés térmico.