Noticias

O PSdeG vota contra os orzamentos municipais de Ourense

O Grupo Municipal Socialista votou en contra da aprobación definitiva dos orzamentos municipais de Ourense ao considerar que “chegan con alegacións mal tramitadas, desestimadas de maneira automática ou simplemente ignoradas”.

A voceira socialista, Natalia González, defendeu que “Ourense precisa uns orzamentos serios, transparentes e participativos que cumpran coa legalidade. Estes non o fan, e por iso o noso voto é e seguirá sendo un NON rotundo”.

O PSdeG vota contra os orzamentos municipais de Ourense

Segundo os socialistas, as contas impulsadas polo Goberno local non respectan os dereitos dos traballadores municipais, descoidan o movemento veciñal e non responden ás necesidades reais da cidadanía nin da economía local.

O PSdeG vota contra os orzamentos municipais de Ourense
Natalia González

González criticou que “son uns orzamentos que naceron sen diálogo, sen negociación e sen transparencia” e que a resposta do executivo ás alegacións foi “inexistente ou puramente formal”.

No pleno extraordinario celebrado este venres, rexeitáronse ou quedaron sen resolver alegacións de diferentes colectivos e particulares. Entre elas:

  • Un funcionario solicitou corrixir a descrición do seu posto, pero a súa petición foi inadmitida automaticamente.
  • Un veciño pediu a revisión de oficio da aprobación inicial por posibles defectos xurídicos graves, tamén desestimada.
  • A Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos reclamou que se cumprisen os convenios asinados coa concesionaria, sen obter resposta formal.
  • A Agrupación Miño demandou recuperar as partidas de participación cidadá (150.000 euros) e de apoio ao movemento veciñal (120.000 euros), alegación que segue sen resolver.
  • O sindicato CSIF denunciou a ausencia de negociación colectiva no capítulo de persoal e unha posible vulneración da Lei de Emprego Público de Galicia. Esta cuestión tampouco recibiu contestación.

O PSdeG conclúe que a actitude do Goberno local “pecha filas e evita afrontar erros evidentes”, mantendo ás asociacións, sindicatos e veciñanza “nun escenario de incerteza e desconfianza fronte a unhas contas que deberían ser a folla de ruta económica da cidade”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.