O primeiro día de funcionamento das novas liñas de autobuses urbanos en Ourense estivo marcado polo caos e a confusión, segundo denunciou o grupo municipal socialista.
As e os edís do PSdeG, que realizaron diferentes traxectos, sinalaron a improvisación e o malestar xeralizado entre as persoas usuarias: “o que debería ser unha aposta pola mobilidade sostible converteuse nun auténtico labirinto de erros de planificación e falta de previsión”.
O PSdeG critica a falta de planificación nas novas liñas urbanas
As queixas multiplicáronse desde primeira hora da mañá, con aglomeracións en paradas estratéxicas de barrios como A Ponte, O Pino ou San Lázaro. Moitas persoas viaxaron “ás cegas” subindo ao primeiro bus dispoñible, mentres outros vehículos ateigados tiveron que saltarse paradas, deixando usuarios sen servizo.

Os pequenos “busitos” empregados en liñas moi demandadas non foron quen de asumir a carga de pasaxeiros, o que provocou atrasos significativos, como no caso do alumnado da Universidade Laboral e do instituto 12 de Outubro.
A información nas paradas foi outro dos problemas sinalados polos socialistas. A orientación reducíase a un código QR que, en moitos casos, non funcionaba ou ofrecía datos erróneos. Ademais, houbo fallos na sinalización e nos itinerarios: a liña 8 non entrou en Roi Páez como estaba previsto e no barrio do Pino os veciños descoñecían onde coller o bus para Mariñamansa.
Tampouco se cumpriron as frecuencias anunciadas polo alcalde, que prometera intervalos de 15 minutos. Na práctica, denunciaron, producíronse chegadas de varios buses xuntos e longos períodos de espera, ademais da redución da liña 11 a unha simple lanzadeira ata a Alameda, o que obriga a moitos usuarios a realizar transbordos innecesarios.
Para o PSdeG, a chamada “revolución máxica” do rexedor quedou en evidencia no seu debut: un servizo colapsado, confuso e incapaz de atender as necesidades básicas de mobilidade da cidadanía. O grupo municipal comprometeuse a seguir a pé de rúa recollendo queixas, comprobando frecuencias e percorridos e canalizando as demandas veciñais para que o goberno local rectifique canto antes.