O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) rexeitou a solicitude do Concello de Ourense de construír un paso soterrado para peóns baixo a vía do tren no barrio de Peliquín.
A petición, apoiada por todos os grupos municipais e respaldada pola veciñanza, recibiu resposta negativa nun escrito remitido pola entidade dependente do Goberno central.
ADIF rexeita o paso soterrado de Peliquín e manterá a pasarela
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, confirmou esta mañá a decisión e criticou duramente a postura de ADIF: “Enviamos unha carta facendo un último intento de modificar o proxecto, pero respóndennos que se dá carpetazo a calquera alternativa. Isto demostra que somos a Cenicienta de España, que o Goberno socialista non ten ningunha deferencia con Ourense e que os socialistas de Ourense non teñen forza en Madrid”.

Na misiva enviada por acordo plenario, o Concello trasladaba a ADIF “o profundo malestar existente entre a veciñanza” e defendía que o paso soterrado “melloraría a mobilidade e a seguridade da zona”. Tamén se solicitaba unha reunión para estudar a viabilidade da proposta veciñal, que finalmente non será atendida.
ADIF respondeu que a alternativa escollida é a construción dunha pasarela peonil elevada sobre as vías, que se está executando xa no lugar do actual paso a nivel. Argumentan que a decisión baséase en cuestións de seguridade cidadá, mantemento e espazo dispoñible. Segundo recolle o escrito, a infraestrutura permitirá garantir a permeabilidade transversal dos peóns e a integración ferroviaria ao seu paso polo barrio.