O Concello de Ourense solicitoulle á Xunta de Galicia que adopte medidas urxentes para garantir a seguridade e salubridade no espazo situado baixo a pasarela peonil que se está a construír sobre o río Barbaña.
A petición foi trasladada polo concelleiro de Infraestruturas, Francisco Lorenzo, durante unha visita ás obras na zona de Ponte Codesal, na que participaron tamén Pilar Fernández León, directora territorial de Vivenda e Planificación de Infraestruturas; Marcos Buide Pollán, director provincial da Axencia Galega de Infraestruturas; e responsables da empresa Extraco.
O concello pide á Xunta garantir a seguridade baixo a pasarela do Barbaña
O Concello alerta de posibles riscos de salubridade e reclama o peche do espazo libre baixo a estrutura peonil.

Lorenzo explicou que a estrutura, que conectará a contorna das Burgas con La Molinera, se eleva uns dous metros sobre o chan, deixando un espazo baleiro e accesible por debaixo. Segundo advertiu, esta situación “pode xerar problemas de seguridade e salubridade se non se actúa con rapidez”.
“Trasladámoslle á Xunta a nosa preocupación, porque esta obra non pode quedar así. Deixa un espazo completamente accesible, no que cabe perfectamente unha persoa, e se non impiden o paso pode dar lugar a problemas de seguridade e salubridade”, indicou o edil, quen avanzou que o Concello reiterará esta demanda tamén por escrito.
Como posible solución, o concelleiro propuxo pechar o acceso cunha malla metálica ou outra alternativa que impida o paso baixo a pasarela, ata garantir que o espazo non supoña risco para a cidadanía.