O Concello de Ourense iniciou esta mañá a restauración da emblemática locomotora de vapor situada no barrio da Ponte.
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, presidiu o acto de presentación dos traballos. Estes contan cun orzamento de licitación de 192.566,41 euros e un prazo de execución de catro meses.
O Concello de Ourense restaura a histórica locomotora de vapor da Ponte
Ao evento asistiron tamén o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo; as concelleiras de Transporte Público, Ana Fernández, e Asuntos Sociais, Tamara Silva; ademais do presidente da Asociación Europea de Ferroviarios, Carlos Abellán Ruiz. Participaron igualmente Miguel Ángel Sinde, da empresa Reparaciones Sinde SL, encargada da execución dos traballos, e Arturo Antón, de Tipoloxías Estruturais en Madeira, Formigón e Aceiro SL, responsable da asistencia técnica.

A locomotora de vapor 240-2072, coñecida como “mastodonte”, foi fabricada en 1927. Posteriormente foi cedida ao Concello polo Consello de Administración de RENFE para a súa exposición pública. Desde 1976 permanece na rúa Xesús Pousa Rodríguez, fronte á estación de ferrocarril, como homenaxe ao persoal ferroviario da Ponte.
O proxecto municipal contempla a restauración integral da máquina. A finalidade é frear o seu deterioro e recuperar o aspecto orixinal que presentaba hai case medio século.
Durante a presentación, Pérez Jácome subliñou que “hoxe é un día sinalado para a cidade de Ourense, porque iniciamos a primeira actuación de calado que se vai facer nesta máquina desde que se instalou aquí hai 49 anos”.