Vilaza será este sábado, 11 de outubro, o epicentro da creación artística coa celebración da VIII edición do Concurso de Pintura ao Aire Libre de Monterrei.
Esta cita trasládase este ano ao núcleo vilazán debido ás obras no conxunto monumental do castelo.
VIII Concurso de pintura ao aire libre de Monterrei en Vilaza
A localidade acollerá este sábado unha nova edición do certame, que reunirá 18 artistas de Galicia, Castela e León e mesmo de México.

Desde as 09:30 horas, coa recepción e selado de soportes na Alameda de Vilaza, ata as 16:30 horas, cando se fará público o veredicto do xurado, as rúas e recunchos da localidade converteranse nun taller ao aire libre. Os participantes plasmarán nas súas obras o patrimonio e a natureza que caracterizan este enclave da comarca de Verín.
A exposición final e entrega de premios terá lugar nos xardíns da casa rural O Retiro do Conde. Este establecemento cede as súas instalacións para a mostra pública das creacións artísticas.
O concurso contará coa participación de 18 pintores e pintoras procedentes de distintos puntos de Galicia e Castela e León. Tamén participará unha artista chegada de México, o que lle dará un toque internacional a esta oitava edición.
A iniciativa está organizada polo Concello de Monterrei, coa colaboración da Deputación de Ourense, ademais de entidades e empresas como Cooperativa Xeitura, Breogán Arqueoloxía, Adega Gargalo, Ordenadores Verín, Restaurante O Segredo do Retiro, a D.O. Monterrei e o artista Xosé Rivada, que tamén apoia o certame.