O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá no concello de Monterrei as obras de restauración da torre do campanario da igrexa de San Salvador de Vilaza, unha actuación na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste máis de 500.000 euros.
A visita contou tamén coa presenza do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. Os traballos teñen como obxectivo resolver os problemas de estabilidade da torre, que presentaba importantes fisuras e gretas que provocaban deformacións na estrutura.
Máis de 500.000 euros para restaurar a torre de Vilaza
A intervención inclúe a recolocación de elementos da fábrica de pedra, a substitución dos forxados e escaleiras interiores por unha nova estrutura de madeira e o reforzo mediante atirantados metálicos e recheos das gretas con morteiro de cal.

Tamén se procederá á limpeza interior e exterior, á recolocación das campás e do reloxo, á recuperación da súa antiga maquinaria e á instalación dun novo sistema eléctrico, iluminación e protección fronte aos raios.
Manuel Pardo destacou durante a visita a importancia de conservar o patrimonio histórico e cultural galego. “Dende a Xunta queremos manter vivo o legado dos nosos antepasados”, afirmou.
A igrexa de San Salvador de Vilaza conserva elementos de gran valor histórico e arquitectónico. Entre eles está a súa destacada torre, vinculada ao antigo mosteiro fundado no ano 985. A actuación permitirá garantir a conservación dun dos elementos patrimoniais máis singulares do concello de Monterrei.

