O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto co concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiu esta mañá no Concello a Manuel G. Rosendo, deportista do club Athlos e campión de España de parabádminton, tras conseguir a medalla de bronce no Campionato de Europa celebrado en Turquía.
Durante o encontro, Pérez Jácome felicitou a Rosendo polo seu brillante percorrido deportivo a nivel nacional e internacional, animándoo a continuar acadando novos éxitos.
Manuel G. Rosendo, ourensán, medalla de bronce en Europa de parabádminton
O Campionato de Europa tivo lugar en Istambul do 30 de setembro ao 5 de outubro. Manuel García Rosendo alcanzou o podio na modalidade de dobres masculinos SU5 xunto a Pablo Serrano, do CB Oviedo.

Rosendo é actualmente campión de España individual e por parellas, e tamén logrou medalla de bronce en dobres no Parabádminton Internacional 2025 disputado en Lima (Perú).
O ourensán xa prepara o seu próximo reto: o Campionato do Mundo, que se celebrará en febreiro en Baréin.