O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense reiterou o seu rexeitamento á eliminación do Servizo da ORA prevista para o 1 de xaneiro de 2026, tal e como establece a nova Ordenanza das Zonas de Baixas Emisións (ZBE), recentemente aprobada.
Luís Seara, portavoz nacionalista, advertiu de que “a supresión da ORA pode provocar un efecto dominó na mobilidade do concello e ter efectos contrarios aos agardados, algo do que nós vimos advertindo desde hai tempo”.
O BNG alerta das consecuencias da supresión da ORA en Ourense
Seara insistiu en que a cuestión vai máis alá do estacionamento regulado, xa que o contrato da ORA inclúe tamén o servizo de guindastre municipal. “Temos preguntado en varias ocasións ao Goberno Local como pensa resolver esta cuestión e até o de agora o único que obtivemos foi a calada por resposta. Ourense non pode quedar sen guindastre municipal”, subliñou.

O BNG pide ao Executivo de Jácome que aclare se os guindastres utilizados pola empresa son de titularidade municipal. Tamén preguntan quen se fará cargo do servizo a partir do 1 de xaneiro. “Vai ser persoal contratado, municipal ou simplemente a cidade quedará sen este servizo?”, cuestionan.
A formación nacionalista aposta por estudar “seriamente a posibilidade de remunicipalizar o servizo de guindastre” como alternativa estable e eficiente para o futuro.
Por outra banda, o BNG esixe ao Concello “máxima vixilancia” ante o posible deterioro das condicións laborais do persoal da ORA. Lembran que a empresa deixará de operar en Ourense o 1 de xaneiro de 2026. “O Concello ten que velar polos dereitos das e dos traballadores e polo interese público”, concluíron.