Olalla Meiriño López é desde hoxe a nova concelleira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense.
O seu nomeamento chega tras a renuncia de José Ángel Vázquez Barquero e a decisión de Manuel Freire Cid, seguinte na lista electoral, de non tomar posesión do cargo.
Olalla Meiriño López incorpórase ao grupo socialista do Concello de Ourense
Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo en 2003, Meiriño desenvolve a súa carreira profesional desde o ano seguinte, comezando na Administración local, onde adquiriu unha ampla experiencia nas dinámicas comunitarias e no funcionamento dos servizos públicos de proximidade.

Posteriormente, continuou a súa traxectoria no sector privado, especializándose no ámbito sociosanitario, un campo no que consolidou o seu compromiso co benestar e a atención ás persoas en situación de vulnerabilidade.
Agora, como edil socialista, Olalla Meiriño López asume a responsabilidade de representar á veciñanza de Ourense desde unha perspectiva centrada nas persoas. A nova concelleira subliña a súa vontade de traballar en equipo e de contribuír a unha política local máis próxima e útil, baseada na cooperación e nos valores de xustiza social.

