O Concello de Ourense finalizou a reposición dos farois históricos situados na rúa Curros Enríquez, unha actuación que se enmarca no compromiso municipal coa conservación do patrimonio urbano.
Os farois, que posúen un valor especial por estar acaroados á Torre de Ourense (actual Hotel Barceló), forman parte dun dos edificios máis emblemáticos da cidade e un referente da arquitectura ourensá do século XX.
Ourense restaura os farois históricos da rúa Curros Enríquez
A intervención supuxo un investimento de 31.156,29 euros e permitiu a completa restauración destes elementos de iluminación, contribuíndo á mellora da estética da contorna e asegurando a protección e permanencia destes bens patrimoniais.

A Torre de Ourense, proxectada polo arquitecto Antonio Alés Reinlein e construída na década dos sesenta, destaca polas súas dezasete alturas e deseño moderno, rompendo coa arquitectura tradicional da época. Desde a súa inauguración, acolleu o histórico Hotel San Martín (actual Hotel Barceló), oficinas e outros servizos, converténdose nun símbolo da modernización urbana da cidade.

