Noticias

Rafael López, Premio Ourensanía 2025 polo seu compromiso coa vida e coa terra

O Teatro Principal de Ourense acolleu hoxe o acto de entrega do Premio Ourensanía 2025 a Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e á súa fonda vinculación coa provincia de Ourense.

O presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que o galardón é “unha homenaxe ás persoas que co seu traballo e compromiso dignifican a identidade ourensá”.

Rafael López, Premio Ourensanía 2025 polo seu compromiso coa vida e coa terra

Subliñou que López recibe este recoñecemento como mostra de gratitude “pola túa valía e polo orgullo das túas orixes”. Asegurou Menor que “a provincia che devolve un pouco do moito que entregaches aos demais”.

Menor fixo un repaso á traxectoria persoal e profesional do médico, nado en Vilamartín de Valdeorras, destacando a súa dedicación e humildade: “O teu motor é salvar vidas, non buscar recoñecementos. Encarna-lo espírito ourensán de traballo e humanidade”. Engadiu que a súa contribución á investigación oncolóxica o converte nun referente científico “que segue abrindo camiños na loita contra o cancro”.

A terra dá froitos se se coida

Durante o seu discurso, Rafael López agradeceu o premio con emoción, asegurando que recibir o Premio Ourensanía 2025 lle permite “volver mirar á miña terra co corazón na man”. Lembrou con especial cariño as súas raíces en Valdeorras, onde aprendeu “que a terra dá froitos se se coida, se respecta e se ama”.

Rafael López, Premio Ourensanía 2025 polo seu compromiso coa vida e coa terra
Foto: Deputación de Ourense

O galardoado tamén tivo palabras para a súa familia e para a mocidade, á que animou a apostar polo esforzo e o talento: “O fracaso forma parte da aprendizaxe. Ser ourensán é levar nos xenes o esforzo, a esperanza e a dignidade”.

Na súa intervención, fixo un chamamento á aposta pola investigación e innovación, asegurando que “a ciencia é unha necesidade, non un luxo”. Rafael López sinalou que só a través dela se poderá mellorar a calidade de vida das persoas e garantir unha sociedade sustentable.

O acto contou coa presenza de Agustín Fernández e Jesús García Mata, que achegaron testemuños persoais sobre o premiado. Tamén se escoitaron mensaxes de Marisol Soengas e Mariano Barbacid, recoñecidos investigadores en oncoloxía. A gala estivo amenizada por Borja Quintela e pechouse coa interpretación do himno galego pola Real Banda de Gaitas da Deputación.

Na súa ampla traxectoria, Rafael López é tamén director do Grupo de Oncoloxía Traslacional do IDIS, coordinador da área de cancro de Oncomet e catedrático da Facultade de Medicina da USC. O seu liderado foi decisivo para impulsar a investigación contra o cancro en Galicia, facendo de ONCOMET unha referencia nacional e internacional. Ademais, preside ASEICA e foi impulsor da Estratexia Galega contra o Cancro.

Entre os seus logros científicos destaca o desenvolvemento da biopsia líquida. Esta técnica, pioneira en España, xa se aplica nos hospitais galegos grazas ao seu traballo e visión.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.