Noticias

Novo acceso ao CHUO desde a N-525

A Xunta presentou o proxecto do novo viario de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desde a estrada N-525.

Esta actuación busca mellorar a mobilidade e facilitar os desprazamentos das persoas usuarias do principal complexo hospitalario da provincia.

Novo acceso ao CHUO desde a N-525

Este proxecto, que acaba de iniciar o seu período de información pública, contempla un investimento superior aos 4,3 millóns de euros. O prazo para presentar alegacións permanecerá aberto ata o 21 de setembro.

O novo viario terá unha lonxitude aproximada de 640 metros e permitirá conectar directamente a N-525 coa avenida do Regato. Desta maneira, facilitará o acceso ao CHUO e evitará os rodeos que actualmente deben realizar numerosos usuarios.

Novo acceso ao CHUO desde a N-525
Foto: Deputación de Ourense.

A infraestrutura contará con dúas calzadas, dous carrís de subida e un de baixada, separadas por unha mediana de dous metros. O proxecto incorpora tamén beirarrúas, zonas de estacionamento, dúas glorietas e conexións con diferentes vías municipais.

Entre estas conexións figuran o Camiño Romano, o Camiño das Laxas e a rúa Ramón Abellas, mellorando así a integración do novo acceso coa rede viaria da contorna.

A presentación correu a cargo da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Ao acto asistiu tamén o deputado provincial de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen puxo en valor a importancia da actuación para mellorar a accesibilidade ao CHUO.

A nova conexión beneficiará tanto á poboación da cidade como ás persoas procedentes dos concellos da área sanitaria que acceden a Ourense desde o sur.

Botón volver arriba