Noticias

A Deputación destina 350.000 euros ao sector primario

A Deputación de Ourense destina 350.000 euros ao apoio das explotacións agrícolas e gandeiras mediante dúas novas convocatorias aprobadas pola Xunta de Goberno, que este luns abordou 30 asuntos por un importe total de 796.589,13 euros.

A primeira liña conta con 200.000 euros para apoiar as explotacións e previr incendios. Inclúe axudas para a reciclaxe de plásticos agrícolas e para adquirir maquinaria como trituradoras, rozadoras ou cisternas destinadas á xestión preventiva da biomasa. O prazo para solicitalas remata o 25 de setembro.

A Deputación destina 350.000 euros ao sector primario

A segunda convocatoria reserva 150.000 euros para fomentar a recría de femias de vacún, ovino e caprino nas explotacións extensivas. As axudas poderán chegar aos 500 euros por bovino e aos 60 euros por animal ovino ou caprino.

A Deputación destina 350.000 euros ao sector primario
Foto: Deputación de Ourense.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que apoiar o sector primario tamén contribúe á conservación do territorio e á prevención dos incendios.

A Xunta de Goberno aprobou ademais 221.389,13 euros para cooperación cos concellos, con achegas para Avión, Verín, Castrelo de Miño, A Mezquita e Lobeira, entre outros.

Outros 225.200 euros irán destinados a entidades económicas, sociais, culturais e deportivas, con apoios ao Clúster da Pizarra, ao Centro Comercial Aberto de Ourense, ás Hermanitas de los Ancianos Desamparados e ao Fútbol Sala Ourense Femenino, entre outras entidades.

Botón volver arriba