Xantar cumpre 26 anos promocionando a calidade dos produtos galegos e o papel da enogastronomía como motor turístico.
A nova edición, presentada hoxe, celebrarase en Expourense do 20 ao 23 de novembro e reunirá 70 expositores con representación de España, Portugal, Perú e Venezuela.
Xantar celebra 26 anos e reforza o seu Mercado Enogastronómico
A principal novidade será un gran Mercado Enogastronómico con pratos galegos e internacionais, que se suma aos tres restaurantes habituais, aulas de cociña, catas e un espazo dedicado ás festas gastronómicas. O salón incorpora tamén unha Zona Infantil.

O acto de presentación tivo lugar na Praza de Abastos, coa participación de representantes da Xunta, Deputación, UHO e Expourense. Incluíu unha degustación ofrecida por hostaleiros que terán presenza activa no mercado. A Praza colaborará ademais cun showcooking do chef Miguel González o venres 21.
A entrada será gratuíta, igual que a participación nas máis de 100 actividades previstas: obradoiros, catas e degustacións. Renfe ofrece un 10 % de desconto para facilitar as visitas.
Portugal volverá ser o principal socio internacional, con numerosas cámaras municipais e showcookings. Sumarase por primeira vez a Cámara de Comercio de Angra do Heroísmo, das Azores.
O Mercado Enogastronómico contará con unha ducia de postos e un comedor central con gastronomía venezolana, mexicana, peruana, portuguesa e galega. Ademais, o espazo acollerá concertos diarios de grupos galegos e actuacións tradicionais portuguesas e venezolanas.