Noticias

Colectivos ecoloxistas debaten na Boullosa sobre o futuro do Larouco

A defensa do Larouco centra este sábado, 7 de febreiro, unha xornada de reflexión e posta en valor do territorio que terá lugar na Boullosa, no concello de Baltar, impulsada por colectivos ecoloxistas e asociacións veciñais do sur da provincia de Ourense.

Colectivos ecoloxistas do sur de Ourense e asociacións veciñais da contorna do Larouco convocan este sábado unha xornada aberta á cidadanía para analizar as ameazas ambientais que pesan sobre este espazo natural e sobre o conxunto do territorio.

Colectivos ecoloxistas debaten na Boullosa sobre o futuro do Larouco

Desde a organización explican que os incendios forestais, cada vez máis frecuentes e intensos, non son un fenómeno illado nin inevitable, senón que están directamente relacionados coa presión de grandes corporacións agroindustriais, mineiras e enerxéticas.

Colectivos ecoloxistas debaten na Boullosa sobre o futuro do Larouco
Foto: Movemento Ecoloxista da Limia

Segundo sinalan, actividades como minas, parques eólicos e fotovoltaicos, plantas de biogás ou modelos industriais de produción alimentaria avanzan sobre ecosistemas fráxiles, agravando a degradación ambiental e o impacto social nas comunidades locais.

A xornada desenvolverase no Restaurante Palomín da Boullosa e abrirase ás 13:00 h cunha posta en común a cargo do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), Amigas das Árbores e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova, que compartirán experiencias sobre como os lumes afectan ás resistencias sociais e ambientais no territorio.

Tras o xantar, previsto para as 14:00 h —con reserva previa—, a programación continuará ás 15:00 h coa intervención de membros da Asociación de Veciños de Lucenza (Cualedro) e do Club de Voo Larouco (Baltar), que darán a coñecer iniciativas vencelladas á gandaría, ao deporte e ao turismo como alternativas de desenvolvemento sostible arredor do Larouco.

Esta actividade forma parte do ciclo OS MESES DO LAROUCO, unha iniciativa que pretende poñer en diálogo a loita contra o espolio do territorio cos efectos dos incendios, que —segundo destacan— contribúen á despoboación das aldeas, á ruptura dos vínculos coa terra e á transformación do país nun espazo cada vez máis vulnerábel.

As charlas son abertas ao público, con independencia da asistencia ao xantar, para o que se pode facer reserva no 608 09 38 06, cun prezo de 16 euros.

Programa

  • 13:00 h: Como os lumes socavan as resistencias. Experiencias do MEL, Amigas das Árbores e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova.
  • 14:00 h: Xantar (con reserva).
  • 15:00 h: Proxectos arredor do parapente e da gandaría en Baltar e en Lucenza. Iniciativas do Club Voo Larouco e da AAVV Lucenza.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.