O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coa súa rolda de reunións polas comarcas da provincia para avanzar na preparación das candidaturas ás eleccións municipais de 2027.
A Executiva Provincial mantivo recentemente un encontro na comarca de Verín con responsables, voceiros e voceiras das agrupacións e grupos municipais socialistas.
O PSdeG reforza contactos nas comarcas cara a 2027
Na reunión participaron o secretario provincial, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a vicesecretaria xeral, Marina Vaz Quintillán, xunto con representantes de Verín, Vilardevós, Castrelo do Val, Laza e Riós.

Desde o PSdeG sinalan que o encontro foi “moi produtivo, xa que nos permitiu coñecer de primeira man as inquedanzas das e dos socialistas dos diferentes municipios da comarca”. A formación asegura que leva meses traballando na elaboración das “candidaturas máis potentes” co obxectivo de impulsar “o cambio que precisa a provincia”.
En relación coa comarca de Verín, os socialistas afirman ter avanzada a configuración das candidaturas e marcan como meta mellorar os resultados de 2023. Pretenden reforzar alcaldías e aumentar a representación municipal.
Esta xuntanza súmase á celebrada o 6 de marzo na comarca de Trives-Caldelas, onde a Executiva Provincial tamén se reuniu con representantes locais. A xuntanza serviu para continuar o traballo de preparación das listas de cara aos comicios municipais de 2027.

Ademais, o 5 de marzo representantes da dirección provincial mantiveron outra reunión na comarca da Limia, con responsables das agrupacións socialistas de Xinzo de Limia, Rairiz de Veiga e Vilar de Barrio.


