A Copa Deputación de Ourense de ximnasia rítmica deixou oito ouros para o Pavillón na segunda fase disputada o 18 de abril no Pavillón Municipal de Maceda.
Esta xornada marca a recta final da tempada autonómica.
Oito ouros para o Pavillón na Copa Deputación
A competición, correspondente tamén á II fase da liga provincial en categorías escolar, promoción e prebase, reuniu unha ampla participación das escolas ourensás.

Os clubs Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón lideraron a presenza con 24 conxuntos, 19 ximnastas individuais e catro equipos en exhibición, nun evento con clasificacións moi repartidas e alto nivel competitivo.
No nivel escolar e Copa Deputación, as pavillonistas acadaron resultados destacados en conxuntos. Conseguiron o ouro en infantil masculino e iniciación, e bronce en sénior, cadete e alevín promoción. En individuais, sobresairon Aroa Cantanhede, ouro en alevín; Uxía Martínez e Sara Arias, ambas prata en cadete e infantil respectivamente; así como varios bronces en diferentes categorías.
A suma das dúas fases provinciais determinará a representación ourensá no campionato galego, previsto para o 24 de maio en Pontevedra, aínda pendente de confirmación oficial pola Federación Galega de Ximnasia.

No nivel promoción, o Club Ximnasia Pavillón foi o único da provincia en competir en conxuntos. Tivo participación en catro categorías e acadou unha prata individual con Alexandra González en cadete. Pola súa banda, en prebase, o conxunto infantil logrou a prata e o alevín fíxose co ouro.
Estes resultados permitirán a seis conxuntos e unha ximnasta individual disputar a final da tempada o 13 de xuño en Ourense. Ademais, catro grupos da Escola Pavillón completaron a xornada con exercicios de exhibición, avanzando na súa preparación competitiva.

