Noticias

O socialismo ourensán celebra 130 anos de historia

A Agrupación Socialista de Ourense reuniu este xoves no Auditorio Municipal diferentes xeracións do partido no acto “Raíces de futuro. Un encontro coa nosa historia”, co que conmemorou os seus 130 anos de historia e homenaxeou a militantes e responsables que contribuíron á súa traxectoria.

O encontro percorreu a historia da organización desde as súas orixes, a resistencia e recuperación da democracia ata a presenza socialista no Concello de Ourense desde 1979, así como as diferentes etapas nas que o PSOE asumiu o goberno municipal.

O socialismo ourensán celebra 130 anos de historia

Baixo o lema “A mesma causa. Un novo tempo”, o acto combinou material audiovisual e documentación histórica con recoñecementos á militancia veterana, antigos responsables orgánicos, concelleiros e concelleiras e representantes das distintas etapas do socialismo municipal. As Xuventudes Socialistas tamén tiveron presenza como símbolo da continuidade xeracional.

O socialismo ourensán celebra 130 anos de historia.
Foto: PSdG.

A celebración coincide co inicio dun curso político marcado polas eleccións municipais de maio de 2027 e pola nova etapa encabezada por Natalia González Beneitez, secretaria xeral da Agrupación e portavoz municipal.

González será a primeira muller candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ourense e aspira tamén a converterse na primeira alcaldesa da cidade. A súa candidatura chega tras máis de dúas décadas de militancia e diferentes responsabilidades orgánicas e institucionais. Xa en 2019 e 2023 optara a encabezar a candidatura socialista, finalmente liderada por Rafael Rodríguez Villarino e Francisco Rodríguez, respectivamente.

Durante o acto, González reivindicou o papel da militancia na construción da organización e destacou que os 130 anos de historia son froito do traballo de xeracións de socialistas.

A celebración reuniu así a representantes de diferentes etapas do socialismo ourensán, desde persoas vinculadas á organización durante as primeiras décadas da democracia ata a militancia actual e as novas xeracións.

Botón volver arriba