O Trail Ribeira Sacra celebrará o domingo 11 de outubro a súa décima edición cun récord de participación feminina, dorsais esgotados e novas carreiras para a canteira en Luíntra, Nogueira de Ramuín.
A proba, presentada no Parador de Santo Estevo, reunirá máis de 500 corredoras e corredores de oito países e 15 comunidades autónomas. Entre eles haberá 106 mulleres, a cifra máis alta da historia do TRS, e unha persoa de 77 anos.
O Trail Ribeira Sacra cumpre dez anos con récord de participación
A carreira principal manterá o percorrido de 48 quilómetros e 3.450 metros de desnivel positivo. Esta terá a saída ás 8:00h e un tempo máximo de 11 horas. O itinerario pasará polo Mirador da Lampa, o Parador de Santo Estevo, A Rasa, Pé do Home, Outeiro do Voadeiro e Pombar antes do regreso a Luíntra.

Novas carreiras para a rapazada
Como novidade desta décima edición, o TRS incorpora TRS Rapaces, para participantes de 10 a 17 anos, cun percorrido de 1,3 quilómetros e saída ás 11:00h. Tamén se realizará a TRS Cativos, para nenos e nenas de 0 a 9 anos, con 800 metros e saída ás 11:30h. Ambas serán non competitivas.
A organización tamén manterá os inchables e actividades familiares durante a xornada.
A #GastroexperienciaTRS desenvolverase na Praza Maior de Luíntra entre as 14:15 e as 19:30h. Esta constará con degustacións de produtos galegos, sete selos de Galicia Experiencias de Calidade e un espazo dedicado ás especialidades de Ourense e Nogueira de Ramuín. Haberá tamén opcións veganas e sen glute.
A celebración continuará coa música de Bruxo Queiman, ás 20:30 h, e A Gramola, ás 23:00 h.
A organización destacou ademais o carácter sostible e territorial da proba, con marcaxe compostable. Desde a organización destacan a ausencia de vasos de plástico, trofeos elaborados por un oleiro da zona e máis dun cento de persoas voluntarias.

