O Sanysec-Club Ourense Atletismo asinou unha destacada actuación nas categorías sub10 e sub12, con dous segundos postos e un terceiro por equipos, ademais de numerosas vitorias individuais.
En sub10, o equipo masculino rematou na segunda posición con 24 puntos, a só un do ADAS Cupa do Barco.
O Sanysec-Club Ourense Atletismo sobe ao podio en sub10 e sub12
O club sumou catro vitorias individuais: Saúl Carril Fernández en altura (1,24 m), Martín Valencia López nos 1.000 metros (3:31.87), Marcel André Cortes Reol nos 500 metros (1:41.86) e Jose Diéguez Cerqueira nos 50 metros (8,79 segundos). Luca Mazaira Lorenzo foi terceiro en lanzamento de pelota, con 29,05 metros, mentres que o relevo 4 × 50 metros acadou a segunda posición.

Na categoría sub12, o club conseguiu dous postos de podio por equipos. Os nenos foron segundos con 36 puntos, a un do Narón, e as nenas finalizaron terceiras con 57,5 puntos, a medio punto do segundo posto do ADAS Cupa.
Entre os resultados individuais, destacou Ada Cecilia Outeiriño Santos-Ascarza, primeira en lonxitude con 4,19 metros, e Álex Cid Fernández, vencedor dos 500 metros cun tempo de 1:29.83. O equipo feminino tamén gañou o relevo 4 × 60 metros, con 36,25 segundos.
Completaron os postos de honra Maeloc Barreiro Soto, segundo en lonxitude; Alejandro Cid Gil, segundo nos 1.000 metros; Francisco Carballo González, terceiro en lanzamento de pelota cunha mellor marca persoal de 26,42 metros; e Martín Gómez Alonso, segundo nos 60 metros.
En categoría feminina, Olivia Currás Conde foi segunda en altura, con 1,32 metros, nova mellor marca da tempada, e Carla Rebollo Rial terminou terceira nos 60 metros. O relevo masculino 4 × 60 metros acadou o segundo posto cun tempo de 35,16 segundos, tamén mellor marca persoal.

