O Sanysec Ourense proclamouse campión feminino do Campionato Galego Sub20 de Clubs de atletismo, mentres que o equipo masculino rematou na cuarta posición, a un só punto do podio.
As atletas ourensás sumaron 92 puntos, os mesmos que o Club Atletismo Sada, ao que superaron no desempate polo número de vitorias. A Sociedade Gimnástica de Pontevedra ocupou a terceira posición, con tres puntos menos.
O Sanysec Ourense vence no Galego Sub20 feminino
Entre os triunfos individuais do Sanysec destacaron Naroa Pereira, nos 1.500 metros (5:27.49); Claudia Pérez, nos 3.000 lisos (11:58.58); Rocío Marín, nos 100 metros valados (16.19); e Lucía Quintas, nos 400 valados (1:08.71).

Tamén venceron Rebeca Fernández, en pértega (2,91 m); Lara Pereira, do filial Ben Cho Shey, en xavelina (30,33 m); e Icía Ares, nos 5.000 metros marcha (26:23.01).
Na competición masculina, o Sanysec Ourense sumou 86 puntos, fronte aos 87 do Marineda e aos 88 da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. Os ourensáns lograron tres vitorias: Miguel Carbajales, en pértega (4,21 m); Javier Cid, en martelo (51,38 m); e Raúl Gude, en xavelina (48,51 m).

