Os deportistas ourensáns conseguen unha prata e dous bronces en Italia e Javier Rodríguez é seleccionado para unha competición profesional europea
O Club Artai de Ourense conseguiu tres medallas no Campionato Mundial de Shuai Jiao, celebrado a pasada fin de semana na cidade italiana de Montesilvano.
O Club Artai logra tres medallas no Mundial de Shuai Jiao
A representación galega, integrada por tres deportistas do club e polo técnico Aarón Blanco, contribuíu aos mellores resultados da selección española nun Mundial desta modalidade ata a data.

As medallas chegaron da man de Sergio González Pardo, que conquistou a prata na categoría cadete masculina de menos de 65 quilos; Yolanda González Diéguez, bronce na categoría absoluta feminina de menos de 52 quilos; e Javier Rodríguez Meigide, bronce na categoría xuvenil masculina de menos de 65 quilos.
A selección española participou no campionato con 12 deportistas, nunha competición que reuniu representantes de máis de 25 países. Aarón Blanco, do Club Artai, exerceu como técnico e adestrador nacional.
Ademais do bronce mundial, Javier Rodríguez foi seleccionado xunto co vasco Ekain Otegui para participar no Prime Zhanshuai Championship Europe. Dita competición está vinculada ao desenvolvemento profesional do Shuai Jiao.
Esta disciplina do kung-fu baséase no combate entre dous rivais mediante técnicas de agarre e derribo. O obxectivo é puntuar conseguindo que o adversario toque o chan con algunha parte do corpo distinta dos pés.
O campionato estivo organizado pola Italian Shuaijiao Union, a European Shuaijiao Union e a World ShuaiJiao Federation, representadas polos seus respectivos presidentes, Alessio Pasciulli, Antonio Langiano e Wang Peng.

