O BNG comprométese a impulsar en Madrid un proxecto de metro lixeiro en superficie que conecte O Carballiño con Ourense e mellore as comunicacións ferroviarias entre as principais localidades da provincia.
A cabeza de lista nacionalista por Ourense, Noa Presas, asegura que levará esta demanda ao Congreso dos Deputados para recuperar este proxecto. Segundo denuncia Presas, este proxecto quedou bloqueado polas forzas estatais.
O BNG promete impulsar o metro lixeiro entre Ourense e O Carballiño
A iniciativa busca conectar zonas industriais, sanitarias e universitarias mediante un servizo de proximidade con frecuencias adaptadas ás necesidades da cidadanía.

O trazado proposto incluiría O Carballiño, Santa Cruz, Quintela, Untes, O Pino, a estación do Empalme, o Campus Universitario, o polígono industrial, San Francisco e a Residencia. Tamén permitiría establecer conexións con outras localidades como Ribadavia, Barra de Miño, Os Peares e Baños de Molgas.
Presas critica que o proxecto quedase paralizado e acusa o PP e o PSOE de non atender as demandas ferroviarias da provincia. A candidata considera que o BNG pode garantir unha maior defensa dos intereses de Ourense nas institucións estatais.
Pola súa banda, o candidato nacionalista á Alcaldía do Carballiño, Manuel Chan, defende a necesidade dun transporte público con trens frecuentes e tempos de desprazamento competitivos. «O Carballiño poderá ter un servizo de proximidade ferroviaria cun BNG forte en Madrid», afirma.

