A Casa da Cultura de Sandiás acolleu o pasado 24 de novembro a actividade “Inventoras con mentes curiosas”, unha proposta incluída na programación do 25N para visibilizar o papel das mulleres na ciencia, na innovación e na historia.
A iniciativa recuperou as historias de grandes inventoras que, malia o seu talento e creatividade, quedaron durante anos silenciadas ou fóra dos libros de historia.
Sandiás reivindica o talento feminino na ciencia e na innovación
A actividade tamén abordou as barreiras sociais, culturais e machistas que tiveron que superar para desenvolver as súas ideas e abrir camiño ás seguintes xeracións.

A proposta buscou fomentar a curiosidade e o interese pola ciencia, ao tempo que reivindicou o recoñecemento das achegas femininas ao progreso científico e tecnolóxico. O Concello incidiu na importancia de combater o esquecemento histórico como outra forma de invisibilización das mulleres.
A programación do 25N incluíu tamén a lectura dun manifesto por parte da concelleira María José Manso, nunha aposta pola educación, a igualdade e a recuperación da memoria feminina.
Os participantes recibiron unha chapa co lema “Nin unha menos”, en lembranza do mural contra a violencia de xénero situado nas gradas do polideportivo. A actividade trasladou ás nenas e nenos a mensaxe de que o talento non ten xénero e de que recoñecer as mulleres que fixeron historia contribúe a construír unha sociedade máis igualitaria.

