A UNED levou a ornitoloxía á Limia cunha xornada formativa e de observación de aves celebrada este sábado, 21 de novembro, no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás.
Esta actividade reuniu 30 participantes de diferentes puntos de Galicia.
A UNED achega a ornitoloxía á Limia cunha xornada en Sandiás
A sesión da mañá estivo dirixida por Diego Rodríguez Vieites, licenciado en Bioloxía e máster en Restauración de Ecosistemas. Os asistentes compartiron coñecementos e experiencias sobre as aves, os seus hábitats e as técnicas de observación.

Pola tarde, o grupo realizou unha saída de campo pola ZEPA A Limia, onde puido observar diferentes especies nos seus hábitats naturais, especialmente aves acuáticas, sedentarias e invernantes.
A actividade forma parte do curso A observación outonal de aves no sur de Galicia, organizado pola UNED de Vigo, cunha duración de 30 horas lectivas e 1,5 créditos ECTS en trámite.
A formación busca dar a coñecer a riqueza ornitolóxica do sur de Galicia, identificar as principais ameazas para as aves e divulgar iniciativas para a súa conservación. Tamén pretende fomentar a participación cidadá, o contacto coa natureza e os hábitos saudables ao aire libre.

