O Concello de Sandiás organiza unha nova edición das Xornadas pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, cun programa de actividades educativas, culturais e participativas arredor do 25N.
A iniciativa desenvolverase entre o 16 e o 25 de novembro e incluirá obradoiros de prevención, contacontos, teatro, lecturas institucionais e propostas dirixidas á infancia e á veciñanza.
Sandiás programa actividades polo 25N contra a violencia machista
As actividades comezarán o 16 de novembro na Casa da Cultura cun obradoiro de prevención das violencias impartido polo CIM Móbil. O día 23, o Punto de Atención á Infancia (PAI) acollerá o contacontos O príncipe das mil cores, organizado pola Furgoteca.

Foto: Concello de Sandiás.
O 24 de novembro terá lugar a lectura da declaración institucional polo 25N, seguida da representación teatral Inventoras con mentes curiosas, da compañía A Xanela do Maxín, dirixida ao alumnado do CEIP de Sandiás e aberta ao público.
A xornada completarase coa entrega de chapas e un photocall pola igualdade xunto ao mural das escaleiras próximas ao polideportivo municipal.
O programa rematará o 25 de novembro no PAI coa actividade Todas as cores son para todos. Pintemos xuntos e xuntas un mundo de igualdade, destinada a fomentar desde a infancia valores de respecto, diversidade e convivencia.

Con estas xornadas, o Concello busca reforzar a sensibilización e a prevención da violencia machista, implicando diferentes xeracións na construción dunha sociedade máis igualitaria.

